Vinte 23
VISIÓNS, SOÑOS, SONS E MENTIRAS
Proxecto de intervención escénica e de recuperación da memoria do territorio habitado na Coruña polo pequeno Pablo Ruiz Picasso e a súa familia entre os anos 1891 e 1895.
Proxecto seleccionado pola Deputación da Coruña como de especial interese cultural na provincia durante o ano 2023.
A historia
Vinte 23 ten o seu xerme inicial no proxecto matriz Vinte, creado a iniciativa de diversos profesionais das artes escénicas e da xestión cultural vencellados coa cidade da Coruña, co obxectivo de conmemorar o 20º. aniversario da apertura ao público da Casa Museo Picasso da Coruña.
Ao longo do primeiro semestre do ano 2023, coincidindo coa Celebración Picasso 1973-2023 e grazas ao apoio do Concello da Coruña, o proxecto matriz Vinte desenvolveu unha decena de intervencións escénicas en distintos puntos da capital coruñesa, nas que participaron directamente 350 persoas.
Logo do éxito desta experiencia piloto, Vinte 23 xorde como unha expansión dese proxecto matriz, grazas ao apoio da Deputación da Coruña, co obxectivo de dar un paso máis alá: derrubar os muros invisibles da Casa Museo Picasso coruñesa, para poder espallar as actividades do proxecto alén desta cidade, beneficiando a cidadáns e cidadás de toda a nosa provincia.
Contexto no que xorde o proxecto
Entre 1891 e 1895, a familia Ruiz Picasso ao completo residiu na Coruña. Unha cidade na que, un cativo chamado Pablo, que comezaba a asinar as súas primeiras obras como “P. Ruiz”, recibiría importantes influencias e unha formación artística determinante para a súa posterior traxectoria.
Así e todo, esta etapa da vida de Picasso é aínda pouco coñecida, sendo considerada A Coruña como o “vértice perdido” do triángulo picassiano en España; triángulo que a capital herculina conforma xunto coa súa Málaga natal e con Barcelona.
Inspirado nesta descoñecida etapa, o proxecto Vinte busca recuperar para a cidadanía coruñesa a memoria do territorio habitado polo pequeno Pablo Ruiz Picasso na Coruña, intervindo -por medio das artes escénicas- algúns dos lugares clave do seu paso por esta cidade.
Actividades
Vinte 23 desenvolveu as súas actividades principais durante o mes de novembro de 2023 en distintos puntos da provincia da Coruña, servindo as accións realizadas no marco do proxecto como peche simbólico da Celebración Picasso 1973-2023.
Principais resultados
Vinte 23 involucrou nas súas actividades a 7 entidades educativas e socioculturais da provincia da Coruña, repartidas en 2 grandes grupos:
-
4 centros educativos públicos: CEIP O Mosteirón de Sada, IES Fin do Camiño de Fisterra, IES Maximino Romero de Lema de Zas e IES Monte das Moas da Coruña.
-
E 3 entidades sociais destacadas polo seu labor a prol da inclusión de colectivos en risco de exclusión: Fundación ADCOR, ALAS A Coruña e ASPERGA.
En total, o proxecto despregou unha ducia de actividades nos concellos coruñeses de Sada, Fisterra, Zas e A Coruña, ofertando un total de 414 prazas a esas entidades que foron cubertas na súa totalidade por 167 participantes, dos que a meirande parte foron alumnado de Primaria e da ESO.
Territorialmente, o proxecto logrou impactar en 12 puntos xeográficos distintos dos concellos xa sinalados, incluíndo os propios centros educativos e 8 dos enclaves máis relevantes de entre os relacionados co paso da familia Picasso pola Coruña.
Galería
Mapa Vinte 23
Testemuñas
Profesorado
"Un xeito magnífico de presentar os feitos máis salientables da vida de Picasso
na Coruña, feito ademais cunha enorme sensibilidade. O noso centro está moi interesado en participar en futuras propostas."
Alumnado
"A valoración do noso alumnado foi en xeral moi positiva. As actividades captaron en todo momento a súa atención e permitiron reforzar a súa aprendizaxe a través da interacción cos actores."
Participantes
"Extraordinario, un espectáculo fascinante e redondo. Quedamos tódolos participantes coa boca aberta"
Vinte 23. Proxecto subvencionado pola Deputación da Coruña
Co apoio do Concello da Coruña
E a colaboración da Casa Museo Picasso da Coruña